Monday 29 de April de 2024

A Xunta colabora con 14 librarías para impulsar actividades de promoción do libro e a lectura


O DOG publica a resolución das subvencións destinadas a accións como presentacións, encontros ou obradoiros nos propios establecementos ou a través de internet

A Xunta de Galicia apoiará actividades de difusión do libro e a lectura en 14 librarías da Comunidade ao abeiro das axudas convocadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación da Cultura posto en marcha para paliar os efectos da crise sanitaria.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das subvencións destinadas a accións como presentacións, encontros, lecturas ou actividades similares levadas a cabo no propio establecemento, así como actos de difusión dos libros e a lectura realizados a través da páxina web e redes sociais da libraría, entre outras accións de difusión. Estas actividades deberán realizarse desde a resolución desta orde ata o 15 de novembro de 2021.

En concreto, as librarías apoiadas polo Goberno galego, que recibirán unha achega de 3.000€, son: Libraría Atlántica de A Garda, Libraría Punto e Coma, Libraría Aira das letras e Libraría Maruxairas, de Allariz; Libraría A carapuchiña feroz de Boiro, Libraría Bahía de Foz, Libraría Nigraponte de Lalín, Libraría El faro de los tres mundos de Lugo, Libraría Pelayo de Monforte de Lemos, Librería CyC SLNE de Ourense, Libraría Cronopios de Pontevedra, Libraría Los colores olvidados e Libraría Numax, de Santiago de Compostela, e Libraría Libros para soñar de Vigo.

Axentes culturais indispensables
Esta liña de subvencións está dirixida a apoiar as librarías non só como puntos esenciais na venda e comercialización de libros, senón tamén como axentes culturais e activo indispensable para esta industria. Do mesmo xeito, trátase de espazos fundamentais de mediación e dinamización cultural a través do contacto entre autores e lectores.

A estas axudas súmase a contribución que o Goberno galego está a facer de xeito específico ás librarías para o mantemento das distintas Feiras do Libro de Galicia. En colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, nestes momentos estase a celebrar a de Rianxo e o calendario está composto por 12 paradas en diferentes cidades e vilas ata agosto. Así mesmo, tamén están en marcha apoios a bibliotecas escolares para fomentar a lectura e este ano a Xunta reforza as súas achegas para a industria editorial con incrementos do 12% en promoción da lectura ou a inclusión de novas partidas para a promoción e comercialización do libro en librerías.